Sunday 19 de May de 2024

Manuel Mirás e Carlos Mouriño clausuran o Campus do Celta de Vigo en Oroso, no que participaron 52 nenos e nenas


O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, clausuraron o campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo en Oroso, que se celebrou durante este mes de xullo e no que participaron un total de 52 nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. Un acto no que tamén participaron o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta Torres; polo presidente da ED Xuventude Oroso, José Ferro Calvo; así como directivos do Sigüeiro FC e do equipo técnico do campus.

Carlos Mouriño explicoulles aos rapaces e rapazas que “tenemos a tres chicos de Oroso jugando en el Celta”, aínda que lles indicou que “el fútbol es un mundo de diversión. Hay que divertirse y pasarlo bien. Ahora no toca pensar en nada más”. Por iso, pediulles aos novos futbolistas que se ergueran para aplaudir aos seus pais polo seu esforzo diario para que poidan practicar deporte: “a lo mejor después son ellos los que os aplauden cuando estéis jugando por algún campo de fútbol”.

Un punto no que coincidiu o alcalde orosán, quen salientou que “o fútbol é para divertirse, pero ademais para ter mellor saúde, para facer amigos e para ser mellores persoas”. Manuel Mirás agradeceulle ao presidente do Celta tanto a súa presenza hoxe en Oroso como a colaboración que manteñen dende hai anos, un agradecemento que fixo extensivo ás familias e aos directivos do Xuventude de Oroso e do SigÜeiro FC, “pois estas escolas deportivas son un referente non só na comarca, senón na provincia e pronto o serán a nivel de Galicia”.

O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso tivo unha duración de 4 semanas, tempo no que os rapaces viviron concentrados coma nun equipo de fútbol durante as mañás, mentres que pola tarde participaron en distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark e unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e ao estadio de Balaídos.